Wednesday 01 de May de 2024

Cambre asina co Banco de Alimentos Rías Altas un novo convenio de colaboración


O goberno local impulsou hai tres anos a creación da despensa de alimentos municipal, situada nestes momentos de forma provisional no campo Dani Mallo, e que pronto inaugurará a súa nova sede, na Barcala

O alcalde de Cambre, Manuel Rivas, asinou hoxe un convenio de colaboración co presidente do Banco de Alimentos Rías Altas, Luis Camba, polo cal o concello se compromete a repartir os alimentos que lle proporcione a entidade de xeito responsable entre usuarios en situación de exclusión social. O goberno local impulsou hai tres anos a creación da despensa de alimentos municipal, situada nestes momentos de forma provisional no campo Dani Mallo, e que pronto inaugurará a súa nova sede, na Barcala. Este acordo resulta, segundo o alcalde, imprescindible para o bo funcionamento da despensa de alimentos do concello.
“Quero agradecer a ao Banco de Alimentos Rías Altas o apoio que dá non só a Cambre senón a toda a bisbarra. O seu labor é impagable e dende Cambre estámoslle profundamente agradecidos”, destacou Rivas.

O Banco de Alimentos Rías Altas fundouse na Coruña o 31 de maio de 2010 e está integrado na Federación Española de Bancos de Alimentos (Fesbal). Trátase dunha asociación sen ánimo de lucro onde a súa única finalidade é axudar á sociedade: primeiro, conseguir excedentes de alimentos en perfectas condicións e de xeito gratuíto para o consumo humano; e despois distribuílos a través de entidades sociais entre as persoas máis necesitadas. Na actualidade, o Banco de Alimentos Rías Altas atende a través das institucións sociais colaboradoras a ao redor de 28.000 persoas ao día.